Thursday 28 de March de 2024

O Concello recupera o reloxo floral dos Xardíns de Méndez Núñez, mellorado cun mecanismo más preciso


Con esta intervención, o reloxo poderá resistir mellor as inclemencias climatolóxicas

O Concello da Coruña rematou hoxe os traballos de mellora para a recuperación do reloxo floral dos xardíns de Méndez Núñez, unha intervención levada a cabo co obxectivo de poñer en valor un símbolo emblemático da cidade, que volve estar en funcionamento cun mecanismo mellorado, máis fiable e duradero, e que conta cun sistema cunha conexión GPS vía satélite.

Neste sentido, o Goberno municipal promoveu o redeseño integral da maquinaria do reloxo floral, apostando por unha de fabricación específica, acompañada dunha serie de reformas orientadas a que o reloxo esté preparado para resistir no tempo as inclemencias climatolóxicas á intemperie, coa súa impermeabilización e a instalación de sensores de medición da temperatura e a humidade.

Ademais, o reloxo floral conta, desde hoxe, con eixes de aceiro reforzado, máis sólidos, asícomo cun embrague especial que garante a integridade dos engrenaxes interiores. Con todo, a meirande parte dos traballos leváronse a cabo na parte interior do reloxo, que dispón desde hoxe dun novo sistema de control con alarmas para dispor de información, en tempo real, sobre posibles averías ou incidencias sufridas pola maquinaria do reloxo.

A recuperación dos reloxos do Obelisco e o Pazo Municipal de María Pita
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno local, José Manuel Lage Tuñas, valorou a volta do reloxo floral: “A recuperación do reloxo floral enmárcase na estratexia da alcaldesa, Inés Rey, para potenciar o noso patrimonio mais emblemático. A recuperación do reloxo floral forma parte das actuacións para poñer en valor os xardíns históricos de Méndez Núñez. A decisión de Inés Rey de acabar co botellón nos xardíns permitiunos recuperar o estanque, a Rosaleda, a estatua de Pardo Bazán e moi pronto, tamén o Copacabana”.

A recuperación do reloxo floral dos xardíns de Méndez Núñez dá continuidade á renovación e posta ao día dos grandes monumentos e símbolos da cidade levada a cabo polo Goberno municipal, como os reloxos do Obelisco e do Pazo Municipal de María Pita, que se restauraron o ano pasado, e as que están en marcha nos xardíns de San Carlos.